Mos, 10 de setembro de 2024.- Whiterfall é unha das bandas máis destacadas do metal estadounidense, grazas ao seu característico son melódico e escuro. Formado en 2013, o grupo de Los Ángeles inclúe por primeira vez á península ibérica na súa xira europea, con paradas en Madrid, Barcelona, Vitoria, Sevilla e unha única en Galicia: en Mos.
Whiterfall actuará na sala Rebullón este xoves, 12 de setembro, ás 20:30 horas, con entradas desde 15 euros en anticipada ou 18 euros na porta. Os pases están xa á venda online e en tenda física, na cantina do CSCS As Pedriñas (Av. do Rebullón, 23, Mos), en Honky Tonk Discos (Falperra 18, Vigo) e no pub Transylvania (Rogelio Abalde 16, Vigo). En Whiterfall atoparemos membros e antigos integrantes de bandas míticas, como Sactuary, Iced Earth e Demons & Wizards.
Na Rebullón, os estadounidenses presentarán o seu cuarto traballo, “Sounds Of The Forgotten”. Este disco, composto por dez cancións, viu a luz a finais de maio desde ano, e sae ao mercado con sete singles e sete vídeos oficiais, que unen o album ás temáticas do desamor, a ira e, sobre todo, a tenacidade. A perseverancia exerce de fío condutor deste último disco.
O grupo continúan a exitosa senda aberta ata o momento. O disco anterior, lanzado no 2021, recibiu grandes eloxios en publicacións de referencia, como Metal Insider, Deaf Forever e KNAC.com, e entrou nas listas dos 20 mellores álbumes de Alemaña, nos mellores discos de artistas novos de Billboard e na Billboard 100.
|
|
Witherfall formouse en Los Ángeles no 2013 e, desde entón, o grupo lanzou tres álbumes moi respectados: Nocturnes and Requiems (2017), A Prelude to Sorrow (2018) e Curse of Autumn (2021), ademais dun EP, Vintage (2019). Co seu último disco, o grupo dá un paso adiante, con sons máis profundos e ritmos máis agresivos para levar a Whiterfall a un público aínda máis amplo.
Xunto á banda estadounidense, o público que acuda este xoves á Rebullón poderá gozar tamén do power metal dos galegos Atreides, que actuarán como teloneiros de excepción de Whiterfall. Unha noite épica para os afeccionados ao bo metal, na Sala Rebullón.
|
|
A Dos Trovando
Con entrada de balde, este venres 13, ás 20 horas, a sala Rebullón acolle un espectáculo musical que mistura o teatral co didáctico, co bolero como gran protagonista. A Dos Trovando é o proxecto da actriz e cantante María Luisa Oliva, “Malu”, e do percursionista e tamén cantante “Chepito”, como se lle coñece a Juan Mari García. Ambos presentarán a historia do bolero –declarado en decembro de 2023 “Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade” pola UNESCO– a través de preto dunha vintena de cancións emblemáticas.
A Dos Trovando é un espectáculo musical que ilustra a historia do bolero desde a súa aparición en Santiago de Cuba a finais do século XIX, no marco da Trova Tradicional Cubana. Os artistas escenifican un guión didáctico e divertido, interpretan os boleros a dúas voces e proxectan vídeos e fotografías da época, un formato multidisciplinar co que logran introducir ao público no ambiente popular e bohemio dos trobadores cubanos. A cita é este venres, 13 de setembro, ás 20 horas: A Dos Trovando na sala Rebullón, con entrada de balde.
|
|
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a Sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|