Mos, 10 de xullo de 2024.- Os Solpores da Rebullón continúan ofrecendo música e bo ambiente a Mos e a área de Vigo. Logo do éxito do primeiro concerto, mañá xoves 11 de xullo ás 21 horas, Madmess desembarca no centro social As Pedriñas cunha proposta singular. Con entrada de balde e pago polo sistema de billeteira inversa.
Procedentes da vibrante escena musical de Oporto, Madmess ofrecerá mañá ao público galego un stoner rock completamente instrumental, aderezado con pinceladas de psicodelia. Así naceron no 2017, uns primeiros anos que a banda pasou en Londres antes de regresar a Portugal, e así continúan hoxe: conquistando ao seu público, buscando os límites, non deixando a niguén indiferente.
Con claras influencias do rock dos anos setenta, Madmess defínese a si mesmo como unha “nave espacial instrumental, unha que, a diferentes límites de velocidade, deambula a través de constelacións con forma de Zeppelin ou buracos negros dignos de Sabbath”.
Con estas premisas, Madmess gañou pronto o recoñecemento do circuito musical europeo e do público, grazas á súa fusión única de rock pesado con elementos psicodélicos, mais sempre procurante traspasar os límites do xénero.
Ata o momento, a formación ten editados dous discos: o primeiro, homónimo, no 2019 e o segundo, “Rebirth”, lanzado a finais de 2021. Neste traballo, Madmess afonda no seu son potente e logrou o aplauso de crítica e público. O mellor da súa discografía e a enerxía do seu directo, mañá xoves nos Solpores da Rebullón.
|
|
Solpores da Rebullón
Madmess chega a Galicia como parte deste ciclo organizado pola Comunidade de Montes de Tameiga no exterior do centro sociocultural As Pedriñas. Os Solpores da Rebullón programa sete concertos a pleno solpor, ás 21 horas, ao aire libre e nun entorno privilexiado, case todos os xoves de xullo e agosto. A entrada é de balde e o público abona ao remate a cantidade que considera xusta polo espectáculo que acaba de presenciar.
A primeira actuación tivo lugar o pasado xoves 4, con Jazz de laranxa. Mañá, 11 de xullo, é a quenda de Madmess e o próximo 18 de xullo subirá ao escenario Pablo Vila y Los Tripulantes, cun estilo entre o rock, o pop e a canción de autor. O próximo mes, catro grupos máis nos Solpores: Lunamotos (1 de agosto), Froján (8 de agosto), Todas Las Batallas Perdidas (22 de agosto) e Jay & The Smoking Machines (29 de agosto).
|
|
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxéticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|