Mos, 4 de xullo de 2024.- Un ano máis, a Comunidade de Montes de Tameiga programa o seu agardado ciclo estival no exterior do centro sociocultural As Pedriñas. Nos meses de xullo e agosto, un total de sete actuacións musicais de calidade, os xoves ás 21 horas, e co sistema de billeteira inversa, no que o público entra de balde e abona á saída o prezo que considera xusto polo espectáculo que acaba de presenciar.
Solpores da Rebullón é un dos momentos máis agardados polo público da área de Vigo, polo seu formato de concertos ao aire libre e en pleno solpor, coa posibilidade de gozar de boa música e un entorno privilexiado. Comeza este mesmo xoves, 4 de xullo, coa actuación de Jazz de laranxa.
|
|
Jazz de laranxa xorde no ano 2023 pola iniciativa dun grupo de músicos asentados en Galicia, con diferente traxectoria e formación en estilos musicais tan variados como o jazz, o pop/rock, a música clásica e a tradicional galega. O obxetivo da banda é ofrecer ao público un repertorio ecléctico, sen fronteiras xeográficas ou estilísticas, baseado en temas escolllidos procedentes da música popular, estándares de jazz e temas propios, a partires do cal acadan unha sonoridade orixinal e atractiva para tódolos públicos.
O próximo xoves, 11 de xullo, chegan aos Solpores os portugueses Madmess. Procedentes da vibrante escena musical de Porto, a banda formouse no 2017 e pronto gañouse un espazo no circuito musical europeo, grazas á súa fusión única de rock pesado e stoner con elementos psicodélicos.
Os concertos deste mes conclúen coa actuación de Pablo Vila y Los Tripulantes, o vindeiro 18 de xullo. Cun estilo entre o rock, o pop e a canción de autor, o grupo propón un directo emocionante, intenso, con ritmo e certo tinte poético. Unha formación de trío clásico de rock (batería, baixo e guitarra) que repasará os mellores temas da súa traxectoria nos Solpores da Rebullón.
|
|
En agosto, catro concertos máis
O próximo mes, continuará o ciclo musical nas Pedriñas con outras catro actuacións que porán o punto final aos Solpores da Rebullón por este verán. O 1 de agosto, subiranse ao escenario Lunamotos, unha banda de garaxe punk formada en Cedeira. A finais de 2022, gravaron en Vigo o seu primeiro album, que viu a luz en setembro de 2023 e defenderán moi pronto nos Solpores.
O 8 de agosto será a quenda de Froján. Os de Pontevedra descargarán nos Solpores o seu rock alternativo, con cancións que albergan auténticas historias de vida. Con influencias da poesía de Kutxi Romero ou de Robe Iniesta, Froján naceu no 2020 para crear o seu propio estilo, sumando detalles barrocos ou clásicos ao son de bandas de referencia do rock español.
O penúltimo concerto celebrarase o 22 de agosto, co protagonismo dos galegos Todas las Batallas Perdidas sobre o escenario. Trátase dunha banda de recoñecidos músicos da escena musical do Ribeiro, que se uniron para crear un disco conceptual que expresa un percorrido vital cheo de emocións e sentimentos. O resultado, “Ataraxia”, foi publicado hai dous anos, composto por cinco cortes nos que priman os contrastes: de riffs pesados a paisaxes ambientais con atmósferas oscuras.
Os Solpores da Rebullón botarán o peche o xoves 29 de agosto con Jay & The Smoking Machines. A formación é pura enerxía, cunha base de blues e rock&roll e ritmos exóticos, liñas de baixo con alma, guitarras bárbaras e voces clamorosas. Jay (Jeroen Mesker) é un cantante de blues de Amsterdam. Despois de 25 anos na escena do rock&roll, preparou a maleta e emprendeu viaxe nunha furgo vella. Jay rematou en Galicia e asentouse en Redondela, pola complicidade e dinámica do grupo que formou con Alberto López e Lui Pérez. Nos Solpores presentarán algunhas das cancións do seu agardado primeiro disco.
|
|
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxéticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|