Mos, 30 de xullo de 2024.- O primeiro concerto do mes de agosto dos Solpores da Rebullón terá lugar este xoves 1, desde as 21 horas: Castro Y Los Escoltas. Coma sempre, unha actuación ao aire libre e co sistema de billeteira inversa, no que o público accede gratis e abona ao remate a cantidade que considera xusta polo espectáculo que vén de presenciar.
Castro y Los Escoltas é o proxecto persoal do guitarrista Miguel Castro. Naceu no sur da provincia de Pontevedra durante o confinamento, coa idea de facer rock no sentido amplo da expresión. As súas cancións amosan unha gran variedade de estilos, desde o rock clásico ata o soul e sons máis densos.
Xunto a Miguel Castro (voz principal e guitarra), o grupo está composto por Álvaro Vázquez (baixo e coros) e Alexandre Boamorte (batería). Os músicos son veteranos do panorama musical galego, que forman ou formaron parte de proxectos como The Pretty Shirts, Gold&Colt ou Pegas Negras.
Sobre o escenario ao aire libre do centro social e cultural As Pedriñas, Castro y Los Escoltas interpretarán temas do seu primeiro traballo, “De nuevo a empezar”, composto por seis cortes e editado o ano pasado. Ademais, a formación presentará composicións do seu novo disco, que está a gravar actualmente e verá a luz ao longo do presente ano 2024.
|
|
Solpores da Rebullón
Castro y Los Escoltas actúan este xoves, 1 de agosto, en substitución de Lunamotos, banda que viuse na obriga de cancelar o seu concerto en Tameiga por causas de forza maior.
Así, o rock dos de Miguel Castro súmase aos Solpores da Rebullón, un ciclo organizado pola Comunidade de Montes de Tameiga no exterior do centro sociocultural As Pedriñas. Os Solpores ofrecen actuacións musicais no solpor, ás 21 horas, ao aire libre e nun entorno privilexiado, case todos os xoves de xullo e agosto.
Ata o momento, o público xa puido gozar da música de Jazz de laranxa, Madmess e de Pablo Vila y Los Tripulantes, todos no mes de xullo. Castro y Los Escoltas inauguran os Solpores de agosto, que continuarán con Froján (8 de agosto), Todas Las Batallas Perdidas (22 de agosto) e Jay & The Smoking Machines (29 de agosto).
|
|
A Sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse en só seis anos nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia. Vén de alzarse co Premio Martín Códax da Música 2023 á mellor sala de concertos, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.
|
|
A Comunidade de Montes de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de costo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
|
|
|
|